Thursday 02 de May de 2024

A Xunta saca a concurso preto de 227.000 metros cadrados de solo empresarial propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo


— O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio para a venda de 84 parcelas en 17 parques empresariais que se suman ao concurso publicado por Xestur Galicia o pasado 13 de febreiro con 251 parcelas en 20 parques e preto de 518.000 metros cadrados

— O Executivo galego pon así a disposición das empresas preto de 745.000 metros cadrados de solo empresarial con bonificacións do 50 ou 30% do seu prezo

A Xunta de Galicia saca a concurso preto de 227.000 metros cadrados de solo empresarial propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) poñéndoos a disposición das empresas interesadas. O concurso materialízase no anuncio publicado hoxe polo Diario Oficial de Galicia (DOG) para a adxudicación de solo empresarial distribuído en 84 parcelas de 17 parques empresariais.
A meirande parte dos parques teñen unha bonificación do 50% -aplicable a todos os parques das provincias de Lugo e Ourense e aos emprazados en Ferrolterra- e o valor total do solo incluído no concurso, a prezo bonificado, rolda os 10 millóns de euros.
O Executivo galego pon así a disposición das empresas preto de 745.000 metros cadrados de solo empresarial pois a estas parcelas propiedade do IGVS engádense os arredor de 518.000 metros cadrados -repartidos en 251 parcelas de 20 parques- do concurso publicado por Xestur Galicia o pasado 13 de febreiro.
As parcelas propiedade do IGVS adxudicaranse en réxime de compravenda e os adxudicatarios estarán obrigados a construír as súas instalacións e obter a licenza de actividade no prazo máximo de tres anos desde a formalización da compravenda en escritura pública. O prazo das empresas para presentar ofertas polas distintas parcelas estará aberto ata o 27 de marzo.
Concurso de Xestur
O procedemento aberto pola empresa pública Xestur para a adxudicación de 251 parcelas repartidas en 20 parques empresariais -cunha superficie de preto de 518.000 metros cadrados- prevé bonificacións do 50 ou 30% sobre o seu prezo orixinal, dependendo do emprazamento dos mesmos.

Neste caso, o prazo que teñen as empresas para a presentación de ofertas remata o 12 de marzo. As bases do concurso de Xestur e a relación de parcelas ofertadas poden consultarse na web da sociedade.

CONCURSO DE ADXUDICACIÓN DE SOLO PROPIEDADE DO IGVS 2024
PARQUE NÚMERO PARCELAS SUPERFICIE m2 PREZO BONIFICADO mínimo e máximo €/m²
As Somozas 3 50.000 8,90 – 10,56
Curtis 3 25.317,59 37,20
Melide 1ª fase 2 4.680 35,62
Pontedeume 1 1.139 20,40
Culleredo (Alvedro) 1 4.700 6,00
Bóveda 2ª fase 2 836 10,82
Lourenzá 2ª fase 6 8.080,88 21,37 – 22,33
Porto Seco de Monforte 1ª fase 12 36.211 25,50 – 36
Monterroso 23 39.403 17,20 – 18
Quiroga f. D 3 1.950 20,50
Taboada 1ª fase 5 5.400 33
Xermade 2ª fase 8 6.977 10,13 – 12,75
Barco de Valdeorras 2-3ª fase 9 28.567 28
Carballiño 2ª fase 1 2.158 31,29
Celanova 1ª fase 1 3.274 14,63
Ribadavia Pol 2 1 1.880,32 30,40
Pazos fase 2.1 3 6.355,25 31,50 – 34
 TOTAL 84 226.929,04